Estimadas compañeiras e compañeiros, dende a sección sindical de CCOO na USC, con motivo do vindeiro día 8 de Marzo, Día Internacional da Muller, xornada de reivindicación de todas e todos en favor dos dereitos das mulleres; invitámovos a participar nos actos que se realizarán tanto o día 8 coma o día 9 de marzo dos que vos damos conta a continuación, e que queremos que sexan unha xornadas de reivindicación de todas e todos en favor dos dereitos das mulleres.

Manifestacións:

Día 8 marzo Día Internacional das Mulleres.

Saída ás 11 h da praza da Concordia (San Lázaro, Santiago de Compostela).

 Día 9 marzo en defensa do dereito ao aborto.

Saída ás 12 h da estación do tren de Santiago de Compostela.

 8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES -COS NOSOS DEREITOS NON SE XOGA-

Este 8 de marzo preséntase un día moi reivindicativo. Este ano vén marcado por unha forte mobilización e contestación social contra a nova lei do aborto —un ataque sen precedentes á liberdade e ao dereito das mulleres a decidiren sobre a súa sexualidade e a súa maternidade—, e para lle esixir ao Goberno o avance da igualdade efectiva, a loita contra a discriminación por razón de sexo, o impulso á creación de emprego digno, un modelo educativo igualitario e combater a violencia contra as mulleres.

Para conmemorar este día e facer patentes as nosas reivindicacións, a Unión Intercomarcal de CCOO Santiago-Barbanza organiza este 8 de Marzo, unha marcha a pé polo Camiño de Santiago, con saída ás 11:00 da praza da Concordia en San Lázaro e remate na a praza do Obradoiro. Queremos que se nos vaian unindo todas as persoas que queiran acompañarnos cos seus lemas, pancartas, carteis de protesta e queixas pola situación que estamos a vivir.

Durante a marcha expresaremos o noso desacordo coas medidas adoptadas polo ministro Gallardón, e depositaremos nas portas dos xulgados, en Fontiñas, unha coroa de flores pola morte da Xustiza. Continuaremos a marcha polo Camiño de Santiago ata chegarmos ao Obradoiro, onde tamén manifestaremos o noso desacordo coa política —representada no Pazo de Raxoi— e a Igrexa —representada na Catedral—.
Para máis información podes consultar o seguinte enlace: 
http://www.usc.es/sindicatos/ccoo

Un cordial saúdo
--
Sección Sindical CC.OO da USC
Locais Sindicais.
Campus Sur
Extensión: 14343
mailto:ccoo_usc@usc.es
http://www.usc.es/sindicatos/ccoo