Mensaxe anterior (máis nova) Mensaxe posterior (máis vella) Mensaxe anterior (máis nova)  co mesmo temaMensaxe posterior (máis vella)  co mesmo temaMensaxe anterior (máis nova)  do mesmo autorMensaxe posterior (máis vella)  do mesmo autorPáxina anterior (Xullo 2013)Voltar á páxina principal de PAS-CCOOSubscribirse ou  abandoar  PAS-CCOO (ou cambiar configuración)RespostarEnviar nova mensaxeBuscarTipo de letra proporcionalTipo de letra no proporcional
Date:         Wed, 3 Jul 2013 13:02:45 +0200
Reply-To:     "ccoo_usc@usc.es" <ccoo_usc@USC.ES>
From:         "ccoo_usc@usc.es" <ccoo_usc@USC.ES>
Subject:      Comunicado de CCOO
Content-Type: text/plain; charset=ISO-8859-1; DelSp="Yes"; format="flowed"

En relación cos recortes salariais practicados ao persoal das universidades públicas galegas, a Sección Federal Interuniversitaria de CC.OO., órgano da Federación do Ensino de CC.OO. de Galicia no que se integran as seccións sindicais das tres universidades públicas galegas, quere facer chegar ao persoal das universidades e ao conxunto da sociedade galega o seguinte comunicado.

CC.OO. rexeita os recortes salariais practicados polas universidades públicas galegas en aplicación da ?Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma Galega para o ano 2013? e dos ?criterios interpretativos para o axuste retributivo da Xunta de Galicia?.

Para CC.OO. esta medida supón unha auténtica indefensión e un ataque a liberdade sindical. As retribucións salariais e o resto das condicións de traballo do persoal das universidades debe ser obxecto de negociación entre os equipos de goberno das universidades e os seus órganos de representación sindical e centrais sindicais. En ningún caso a minoración dos salarios do persoal das universidades foi obxecto de negociación e vulnera as condicións de traballo e salariais pactadas e recollidas en acordos e convenios colectivos de aplicación.

Desde este punto de vista, CC.OO. recorrirá xudicialmente os recortes salariais practicados: porque as retribucións do persoal teñen que ser negociadas no marco da autonomía universitaria e porque a Xunta de Galicia non ten competencias ao respecto. Para levar a cabo este recurso o persoal das universidades poderá contar co asesoramento e apoio das seccións sindicais de CC.OO., desde as que se levará a cabo a xestión das reclamacións. De todas formas, entendemos como imprescindible a unidade de acción sindical coas demais centrais sindicais con representación nas universidades, polo que xa se lles ten transmitido a nosa intención e a nosa proposta de poñer en común os recursos e as actuacións que sexan precisas.

Aínda que o que máis directamente afecte agora mesmo ao persoal das universidades sexan os recortes das súas retribucións, debemos ser quen de valorar en toda a súa dimensión os obxectivos e as consecuencias da política de axustes das administracións central e autonómica. Din pretender facer fronte á crise, pero están a conseguir desprestixiar e empobrecer os servizos prestados á cidadanía; e de xeito moi especial ao ensino superior e á investigación, servizos públicos de gran valor para a sociedade actual e futura prestados polas nosas universidades.

Máis alá da minoración dos nosos salarios, a política de axustes da Xunta de Galicia ten outras consecuencias de carácter moi negativo para o conxunto da nosa sociedade, non só para os traballadores/ras da función pública. A perda do poder adquisitivo dunha parte importante das persoas activas de Galicia incide no consumo contribuíndo a frear a posible e tan agardada recuperación económica. A diminución dos recursos aportados ás universidades incide de xeito dramático na investigación. A defensa da investigación nas universidades galegas debe ser unha desas chamadas ?cuestións nacionais?, porque ten que suplir a ausencia de investigación dun tecido empresarial de pequenas e micro empresas e porque a supresión destas actividades de investigación supón un tremendo impacto nas economías das nosas cidades: adquisición de produtos e equipamentos, empregos, servizos e consumo. Esta e outras cuestións, como a política de becas, son reivindicacións urxentes a asumir polo conxunto da sociedade galega en defensa do ensino público e da investigación.

A interposición destes recursos non vai esgotar as propostas de negociación e mobilización de CC.OO. Antes ben, a partir de xa e de cara ao próximo curso, a Federación do Ensino de CC.OO. de Galicia garantirá a integración das nosas reivindicacións naquelas máis globais en defensa do ensino e dos servizos públicos e as seccións sindicais das universidades proporán e defenderán a mellora das condicións de traballo. Ocuparán un lugar prioritario entre estas reivindicacións das seccións sindicais a recuperación do poder adquisitivo e a mellora das condicións de colectivos discriminados ou desfavorecidos, especialmente a defensa do dereito a un traballo estable e con dereitos para o persoal do Capítulo VI.

-------------------------------------------------- Para darse de baixa en PAS-CCOO, envia unha mensaxe a LISTSERV@LISTAS.USC.ES co texto: UNSUBSCRIBE PAS-CCOO --------------------------------------------------


Ir a: Principio da mensaxe | Páxina anterior | Páxina principal de PAS-CCOO