Mensaxe anterior Mensaxe posterior Mensaxe anterior  co mesmo temaMensaxe posterior  co mesmo temaMensaxe anterior  do mesmo autorMensaxe posterior  do mesmo autorPáxina anterior (Novembro 2012)Voltar á páxina principal de PAS-CIGSubscribirse ou  abandoar  PAS-CIG (ou cambiar configuración)RespostarEnviar nova mensaxeBuscarTipo de letra proporcionalTipo de letra no proporcional
Date:         Thu, 8 Nov 2012 14:42:46 +0100
Reply-To:     mcarmen.espineira@USC.ES
From:         Carmen Espiñeira Regueiro <mcarmen.espineira@USC.ES>
Subject:      FOLGA XERAL: Comunicado conxunto das
              sección sindicais da CIG, CCOO e UGT na USC.
Content-Type: text/plain; charset=ISO-8859-1; DelSp="Yes"; format="flowed"

FOLGA XERAL

Comunicado conxunto das sección sindicais da CIG, CCOO e UGT na USC.

O 14 N os sindicatos de clase CIG, CC.OO e UGT convocamos unitariamente unha Folga Xeral co respaldo de 150 organizacións sociais, e conxuntamente con outros sindicatos e organizacións europeas de Portugal, Grecia, Italia, Chipre, Malta… Esta folga é unha folga social que vai contra as políticas de recortes de dereitos, salarios e liberdades que estamos a padecer. Políticas que, no noso caso, e dende o acubillo dunha maioría parlamentaria, que usa os “Reales Decretos” como munición, están destruíndo as bases do noso estado do benestar e lapidando os dereitos acadados despois de décadas de loitas e negociacións. Nestes últimos anos sufrimos recortes salariais, sociais, e vimos como paso a paso se desmantelaba o noso sistema sanitario (que xa deixou de ser gratuíto e universal); como subían as taxas académicas ao mesmo tempo que se reducían as bolsas e se aumentaba a ratio de alumnos/as por aula; como o aumento do número de parados unido á reducción das prestacións sociais incrementaba a cantidade persoas en situación de exclusión social; como se usou a criminalización do sector público para recortar os servizos que este presta á sociedade e darlle paso ás privatizacións; como os recortes cercenaron o mundo da cultura, a investigación e a ciencia, prexudicando seriamente as posibilidades de recuperación económica no presente e atrancando o desenvolvemento futuro; como avanzou de forma vertixinosa a desprotección dos traballadores/as e se lle deu a estocada final á negociación colectiva, que quedou convertida en pouco máis que un mero trámite. Estamos tamén asistindo á perda do noso dereito á tutela xudicial efectiva e mesmo se tenta cohartar o noso dereito a manifestarnos. Todas estas medidas, que nacen das políticas neoliberais impulsadas pola troika europea e concretadas aquí polos nosos propios gobernos, tomáronse ao mesmo tempo que se rescataban os bancos, se permitía a sangría dos desafiuzamentos, se amnistiaba aos defraudadores, se destinaban os cartos públicos, de todos nós, para subvencionar o ensino privado, e se traspasaba o patrimonio público a mans de empresas privadas. Nas administración públicas sufrimos, entre outros, os recortes nos nosos salarios, a eliminación da extra de nadal, o aumento da xornada, o recorte nos días de asuntos particulares, a rebaixa na prestación económica en situación de incapacidade temporal, e finalmente dende o día 30 de outubro xa hai carta branca para despedir libremente ao persoal laboral. Contra todas estas medidas, aos que non temos o poder, non nos queda máis que a lexitimidade de rebelarnos para frear ou alomenos paliar o abuso dos que tentan derrubar o noso estado de benestar e o noso estado de dereito. Nunca tivemos tantas razóns para secundar unha folga, e xa sabemos que non vai axudar a crear emprego, como argumentan algúns para deslexitimala, pero a eses mesmos temos que lembrarlles que tampouco a facemos para iso, senón para amosar o noso máis rotundo rexeitamento ás políticas aniquiladoras que se nos están a aplicar. Esta é a folga da unidade: da unidade dos sindicatos, da unidade dos países europeos máis castigados pola crise, e debe ser tamén a folga da unidade de todos os traballadores/as, de toda a cidadanía que se sente atacada e afectada por estas medidas. Só dende a toma de conciencia da importancia da nosa resistencia, e só dende a unidade de acción poderemos dar a batalla. Se loitamos podemos perder, pero se non loitamos estamos perdidos. O 14 de novembro reacciona, mobilízate, SECUNDA A FOLGA XERAL!!

CIG CCOO UGT

NOTA: Debido ao procemento existente para a utilización das listas na USC que non nos garante que todos os traballador@s reciban o comunicado, decidimos que cada sindicato o remitirá á súa lista coa intención de chegar á maior cantidade de xente posible, aínda que pola contra tamén vai implicar que algún de vós o recibades varias veces, polo cal vos pedimos desculpas anticipadamente.

-------------------------------------------------- Para darse de baixa en PAS-CIG, envia unha mensaxe a LISTSERV@LISTAS.USC.ES co texto: UNSUBSCRIBE PAS-CIG --------------------------------------------------


Ir a: Principio da mensaxe | Páxina anterior | Páxina principal de PAS-CIG